O pasado 7 de novembro faleceu na cidade de Vigo, o libreiro Xosé Manuel Alonso Martínez.
Alonso Martínez foi titular da libraría Nóbel, na praza de América de Vigo. A súa inquedanza polo sector libreiro levouno a participar activamente na xestión de gremio, primeiro dende a Agrupación de Libreiros de Vigo e posteriormente, ao fronte da Federación de Libreiros de Galicia, á que dirixiu dende abril de 1987 ata abril do año 2000.
Durante o su mandato, a Federación de Libreiros de Galicia sufriu unha notable transformación, cun considerable incremento de asociados e unha activa xestión diante das institucións profesionais e políticas. Potenciáronse as feiras do libro, levando as mesmas a pequenas localidades de toda Galicia. Tamén nos seus mandatos, creáronse os Premios Irmandade do Libro, que despois de 20 edicións, son a maior celebración social bibliográfica de Galicia. Tamén durante a súa etapa á fronte da organización libreira, adquiríronse as actuais instalacións sociais da Federación de Libreiros de Galicia, en Santiago de Compostela.
Xosé Manuel Alonso Martínez foi distinguido, no ano 2001, coa Medalla de Ouro da Federación de Libreiros de Galicia.