O poeta lucense Miguel Anxo Fernán-Vello resultou gañador do XXVIII Premio de Poesía Cidade de Ourense polo poemario Habitación do asombro.
O xurado estivo formado por Fernando de Castro Blanco, Teresa Devesa, Francisco X. Fernández Naval e Xavier Rodríguez Barrio, como gañador da edición anterior, actuando como secretaria Mónica Fernández Valencia sendo a presidenta do xurado Isabel Pérez (sen voz nin voto). Dito xurado valorou da obra premiada os poemas de longo alento que mantén a tensión poética de principio á fin sen decaer en ningún momento. Igualmente o xurado subliñou a grande unidade temática estilística, con imaxes reveladoras e brillantes, de grande perfección rítmica. Para os membros do xurado Habitación do asombro ofrece unha lectura transversal na que os poemas se vinculan ao momento histórico que vivimos.
Miguel Anxo Fernán-Vello, nado en Cospeito no ano 1958, é un dos nosos grandes poetas. No seu haber ten algúns dos premios máis importantes no eido poético como o Esquío, o Martín Codax, o Miguel González Garcés ou o da Crítica en dúas ocasións. Como editor dirixe dende hai máis de vinte anos Espiral Maior e a súa obra está traducida a linguas como o catalán, o castelán ou o francés.