A novela Extramunde (Xerais), de Xavier Queipo, ven de ser galardoada co Premio Arcebispo San Clemente, que outorgan os alumnos de Bacharelato do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela xunto aos alumnos doutros catro institutos, un por cada unha das provincias galegas.
A novela de Xavier Queipo, que xa fora premiada na edición do 2011 do Premios Xerais de Novela, venceu as outras dúas novelas finalistas: A veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda; O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos, ambas as dúas publicadas en Xerais.
Nas outras dúas categorías dos Premios Arcebispo San Clemente premiouse, na categoría de lingua castelá, a obra Deseos (Alfaguara) de Marina Mayoral; pola súa banda, na categoría de lingua estranxeira foi premiado Peter Stamm pola súa novela Siete años, publicada por Acantilado.
Como salientan dende a organización dos Premios, o Xurado deste Premio está formado por alumnos de Bacharelato do Instituto “Rosalía de Castro” de Santiago, organizador do Premio, e de catro Institutos máis, elixidos por sorteo, un de cada provincia galega. Nesta ocasión foron o IES Chano Piñeiro de Forcarei, o IES Leiras Pulpeiro de Lugo, o IES Agra de Orzán da Coruña e o IES Julio Prieto Nespereira de Ourense. Isto é o novidoso do Premio, pois, normalmente, os mozos e as mozas son os grandes esquecidos dos Xurados Literarios e eles poden ter uns gustos e unhas opinións moi diferenciadas que non debemos ignorar. Amais, no día da entrega do Premio os alumnos son os auténticos protagonistas do acto e cada xurado de alumnos comparte mesa e mantel co escritor premiado no marco dunha gran festa.
Dende a súa creación no ano 1995, ata a capital galega achegáronse escritores de fama internacional para recibir este premio como Vargas Llosa, Saramago, Paul Auster ou Henning Mankell, entre outros moitos.