Antonio Seijas publicará en Xerais este outono a súa adaptación á banda deseñada dunha das obras máis representativas de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno. Seijas xa fora o autor da portada da novela de Fernández Paz tanto na súa edición galega como en catalán.
Cartas de inverno, que xa vai pola súa edición número 28, conta a historia do escritor Xabier Louzao, quen volve a Galicia tras unha longa estadía en Quebec, e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores.
Os interesados poden seguir as evolucións do traballo de Seijas na páxina de Facebook aberta para a ocasión AQUÍ.