O IGAPE patrocina a edición de dúas publicacións destinadas á venda internacional de dereitos, en inglés e castelán, das editoras galegas. A Asociación Galega de Editores (AGE) concurreu a unha axuda convocada polo citado organismo no transcurso deste ano.
Os catálogos están destinados á promoción dos libros con dereitos dispoñibles das editoras galegas no exterior. As publicacións terán como principal as feiras internacionais do libro que se celebran anualmente e nas que a AGE participa como expositora.
Vetrina letteraria
A través da web www.insulaeuropea.eu un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo (Galaxia) de Xosé Monteagudo, A Veiga é un tempo distinto (Xerais) de Eva Moreda, Pirata (Xerais) de María Reimóndez, Así naces as baleas (Galaxia) de Anxos Sumai e Spam (Galaxia) de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da "Vitrina letteraria" que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Dende a web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas.