Hoxe arrancou a cuarta Feira do Libro de Ribeira, que se desenvolverá ata o domingo 24 de xuño na praza do Concello. Esta edición da Feira do Libro contará con seis stands ademais dunha biblioteca na rúa posta polo Concello.
Unha vez máis, a feira terá lugar na praza do Concello cos seguintes horarios: xoves e venres de 12.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 22.00 h. e os sábados e domingos de 12.00 h. a 14.30 h. e de 18.00 h. a 22.00 h. Os stands participantes son: Libraría Arigató de Ribeira; Libraría Pedreira de Santiago; Libraría Cortizas de Ferrol; Libraría Aenea de Santiago e Libraría Ler da Pobra, así como Deputación da Coruña. Os libros á venta terán un 10% de desconto no seu importe.
Por outra banda, na biblioteca da feira municipal haberá unha completa selección de obras escritas por autores locais tanto de consulta como, nalgúns casos, de agasallo.
Asemade, nesta cuarta edición incrementáronse as actividades complementarias cunha significativa presenza de creadores locais como José Vicente Domínguez, Francisco Sánchez Fraga, Xosé Antonio Ventoso Mariño, Carlos Lixó ou Carlos Callón, ademais de celebrarse un acto de lembranza a Plácido Betanzos que porá o peche ao certame feiral (domingo ás 21.00 h.) e no que se repartirán de balde exemplares da súa novela Paravea no Inferno ata esgotar existencias.