O Consello da Cultura Galega ven de anunciar na súa páxina web a dimisión de Gabriel Quiroga, ata o día de onte director do Arquivo de Galicia. Según podemos ler no CCG “A renuncia prodúcese poucos días despois da presentación do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, que traslada os fondos do Arquivo á Biblioteca de Galicia, que pasará a ser deste xeito Biblioteca e Arquivo de Galicia, destinando a actual sede do arquivo a outro fin. O texto, no entanto, non establecía unha fusión dos dous organismos, senón unicamente a súa convivencia no edificio.”
Faise referencia ao Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, que por outra banda dende a ANABAD-Galicia (Federación Española de Asociacións de Arquiveros, Bibliotecarios, Arqueólogos, Museólogos e Documentalistas ) criticouse moi duramente. ANABAD-Galicia, a través dun comunicado, indican que xuntar nun só edificio arquivo e biblioteca supón unha considerable perda de identidade e de visibilidade de ambas as dúas institucións, e contribúe a incrementar a confusión entre as misións e funcións dos dous centros, do que pode derivar a desvertebración tanto do Arquivo coma da Biblioteca e, incrementar os problemas de funcionalidade dos edificios, ata facer inviable a súa operatividade.