Xa está dispoñible a microweb dedicada ao médico e filósofo tudense do século XVI Francisco Sánchez "O Escéptico". Este espazo web foi producido pola Fundación Ignacio Larramendi co apoio da fundación Mapfre e a colaboración do Concello de Tui.
O responsable directo deste proxecto, o bibliotecario Xavier Agenjo Bullón, explicou detalladamente o encadramento de Francisco Sánchez na filosofía do escepticismo e as características técnicas desta biblioteca virtual que pola súa novidosa concepción ten sido asumida como exemplo por Europeana, a biblioteca virtual que promove a Unión Europea.
A edición desta Biblioteca Virtual de Francisco Sánchez que recolle as súas obras e numerosos documentos arredor da súa traxectoria permiten a divulgación do pensamento sancheciano, que cada día posúe maior interese, e o coñecemento xeral da súa vida e obra.
Pódese consultar esta biblioteca virtual na páxina web da Fundación Ignacio Larramendi e existe un acceso dende a páxina web do Concello de Tui.