A pesar da crise económica que padecemos, e máis aínda cando falamos do mundo da cultura e do libro, faise necesario alternativas á edición tradicional de libros, e niso xorde o movemento crowdfunding, denominación inglesa que ven a significar crowd, multitude; e funding, financiamento. Realmente non é nada novo, dende hai séculos existe este micromecenzgo baixo diferentes denominacións, tales como subscricións populares ou achegas cidadáns. Quizais o único que o diferencia hoxe en día é a modalidade, faise a través da internet e abrangue actuacións máis dispares que anos atrás.
O financiamento de proxectos literario a través de crowdfunding en Galicia é igualmente un fenómeno novo. Este mesmo ano vimos como A Porta Verde do Sétimo Andar publicaba exitosamente o álbum infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, grazas a esta cooperación. Iniciativas como estas permiten igualmente coñecer o interese dos propios lectores neses proxectos.
E agora agroman novos proxectos que buscan ver a luz grazas ás achegas dos lectores, trátase do novo libro de Miguel Ángel e Luz, titulado A nena á que non deixaban ser feliz; e o proxecto de banda deseñada Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza, de Carlos Sardiña e Pitusa Arias.
Tras o exitoso O cullarapo Croque, Luz Beloso e Miguel Ángel Alonso Diz presentan A nena á que non deixaban ser feliz, un conto ilustrado cuxa lectura invita á reflexión e participación crítica do propio lector.
A plataforma de crowdfunding onde teñen presentado o proxecto é Verkami. Se te interesa saber máis sobre A nena á que non deixaban ser feliz ou axudar a sacalo adiante, tes máis información en http://www.verkami.com/projects/4030-a-nena-a-que-non-deixaban-ser-feliz