A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou o pasado sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as. No transcurso da mesma aprobouse dedicar a Homenaxe Os Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego, quen ao longo de máis de corenta anos participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto; Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG. Esta homenaxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Museo do Pobo Galego.
Na asemblea decidiuse entregar o Premio AELG para institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.
A distinción Escritor Galego Universal será para nx0woé Luís Sampedro. Tamén se aprobou que o vindeiro Escritor na súa Terra sexa Xavier Rodríguez Baixeras, a quen se homenaxeará no mes de xuño en Ribadeo.
A AELG tamén acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.
A Asemblea manifestou o seu apoio ás pequenas e medianas editoriais galegas, que se atopan nun momento no que a distribución dos seus libros en galego encontra serias dificultades e aproveita para felicitar a editorial Espiral Maior pola celebración do 20 aniversario da súa fundación e á editorial Xerais por alcanzar a venda de 10 millóns de exemplares.
A AELG presentou o avance da programación para o primeiro semestre de 2012 na que a AELG está traballando:
- 1. Día de Rosalía. Lectura dun manifesto e mais de textos literarios nas principais cidades (24 de febreiro).
- Obradoiro da Escola de Escritores/as no Concello de Oleiros.
- Os Bos e Xenerosos.
- Premios Aelg 2012.
- V Encontros Cidade da Coruña.
- Letra E-O Escritor na súa Terra.
- Continuación das sesións de gravacións a Socios/as.
- Continuación da dixitalización de documentación de Socios/as.
- Mantemento das entradas dos Socios/as na Wikipedia.