A concellería de Cultura do concello da Coruña presentou unha nova edición do ciclo Poetas Di(n)versos que, como principal novidade, cambia de sede e pasará a realizarse no Ágora.
O cambio de localización non será a única novidade deste ciclo. Esta nova etapa de citas mensuais coa poesía contemporánea dá un paso máis e amplía o seu ámbito para contar con autores internacionais de calquera país do mundo.
A cita inaugural terá lugar hoxe ás 20.30 h. na sala polivalente do Ágora e contará coa participación da coruñesa Estíbaliz Espinosa e do xaponés Yasuhiro Yotsumoto. Aconcelleiro da cultura lembrou que o recital está aberto a todo o público interesado en acudir e que cada cita estará protagonizada por un autor ou autora galega e outro de calquera punto da xeografía mundial. Os asistentes poderán gozar, deste xeito, dun contacto directo cos creadores e a súa palabra, xa que recitarán os seus propios poemas.
A coordinadora do ciclo, Yolanda Castaño, celebrou que A Coruña poida seguir sendo un referente en Galicia para a poesía e destacou a consolidación deste encontro dedidado a un público considerado minoritario, o que demostra a importancia do cualitativo sobre o cuantitativo. Asegurou que é unha cita para non perdela e que se espera unha grande afluencia de asistentes.
A seguinte data de Poetas Di(n)versos será o 5 de marzo co poeta dodrense Anxo Angueira e a estremeña Aida Salas.