O poeta lucense Claudio Rodríguez Fer ven de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes a proposta dos departamentos de Español e de Bretón desta institución académica francesa. Claudio Rodríguez foi profesor convidado de Literatura Española e Hispanoamericana na Universidade de Alta Bretaña en 1995 e exerce como profesor visitante na universidade de Bretaña Sur, en Lorient. Na actualidade desenvolve o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Humanidades en Lugo.
A obra de Rodriguez Fer está traducida a numerosas linguas, como o bretón, francés, castelán, inglés, italiano, alemán, ruso, catalán... e ten no seu haber recoñecementos como o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura; o Premio Losada Diéguez por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil, e, no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento. Actualmente é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética e da revista de investigación Moenia. Coordina con Carmen Blanco Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
A Universidade de Alta Bretaña concedeu o título de doutor honoris causa a outros escritores hispánicos, como o peruano Mario Vargas Llosa, o chileno Jorge Edwards ou o hispano-francés Jorge Semprún. Claudio Rodríguez Fer será o primeiro escritor en lingua galega que recibe esta distinción. O acto de investidura terá lugar en Rennes o vindeiro 28 de xuño.