O concello lucense de Castro de Rei homenaxeará mañá sábado ao poeta Francisco Vega Ceide, máis coñecido como Francisco de Fientosa.
Francisco de Fientosa naceu no lugar do Cordón, na parroquia de de Santa Leocadia (Castro de Rei) o día 22 de maio de 1912. Curmán do crego e tamén poeta Crecente Vega, Francisco de Fientosa estivo literariamente relacionado con Federico García Lorca. Publicou Lendas, Triángulo Isósceles, El Alba de Quechamarín, Trébol de las “Cuatro Hojas” e Gente Cordial. Francisco morreu no ano 1936 en Madrid, e a propaganda do Réxime atribuiría a súa morte ás "hordas marxistas". A súa obra completa pode atoparse no libro publicado no 2002 en ediciós do Castro titulado Á primeira luzada, con edición, estudo e notas a cargo do investigador e experto na obra de Francisco de Fientosa Ricardo Polín.
Acto de homenaxe
Os actos de homenaxe comezarán ás 17.00 h. cunha ofrenda floral no río Azúmara, preto da casa familiar de Francisco Vega Ceide. De seguido haberá unha actuación de Mini e Mero para deixar paso ao investigador Ricardo Polín, quen fará unha lembranza da vida e da obra de Francisco Vega Ceide.
Os actos rematarán cunha lectura de textos do poeta e cunha actuación musical.