Froito dun convenio de colaboración entre a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Concello de Santiago, convócase para os vindeiros meses un Obradoiro de escrita creativa e dous Paseos literarios por Compostela que estarán guiados por membros da AELG.
O poeta Carlos Negro será o encargado de conducir as sesións do Obradoiro de escrita creativa, que pretende lograr que os participantes adquiran o hábito da escritura como outra maneira de gozar do tempo de lecer, á vez que afondará na afección pola lectura e na valoración do feito literario como produto lingüístico, estético e sociocultural.
O Obradoiro vaise realizar no Centro Sociocultural de Conxo. Comeza o sábado 27 de outubro ás 11.00 h. e desenvólvese en dez sesións de dúas horas cada unha. A inscrición é de balde ata completar as 20 prazas que se ofrecen e cómpre formalizala dirixíndose ao Departamento de Lingua Galega (981 542 409 ou Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).
Esta acción literaria complétase con dous paseos literarios guiados por Euloxio R. Ruibal e Marilar Aleixandre, deseñadores e tamén guías de cadansúa ruta, coas que calquera persoa interesada poderá achegarse á Compostela literaria desde a particular visión dos autores. A primeira das citas será o 10 de novembro ás 12 da mañá e comezará na escultura de Chillida no Parque de Bonaval co dramaturgo Euloxio Ruibal como protagonista. A segunda iniciarase tamén ás 12, o 24 de novembro, diante do Hostal dos Reis Católicos con Marilar Aleixandre. Para participar nestes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.