O xurado do XV premio de poesía 'Johán Carballeira', por Calros Solla (gañador da edición anterior do premio), o crítico literario Héitor Mera e o poeta Alfonso Láuzara, e actuando como secretario, en representación do Concello de Bueu, Xabier Framil Barreiro, decidiron outorgar gañador do certame, por unanimidade, o traballo Raíz da fenda de Berta Dávila.
O xurado valorou a mensaxe, o ton, a boa estruturación e en definitiva a sensibilidade que amosa o poemario no seu conxunto. Destaca especialmente que se trate dun poemario limpo de artificio, carente de adobíos innecesarios.
O premio de poesía 'Johán Carballeira' está convocado polo concello de Bueu dende o ano 1996. Entre a nómina de gañadores deste certame están poetas de grande sona como Yolanda Castaño, Carlos Soto, Xosé Carlos Caneiro, Lupe Gómez ou Carlos Lema, entre outros.
Berta Dávila é unha das voces novas máis recoñecidas dende que publicara con vinte anos o seu primeiro poemario Corpo Baleiro, en Espiral Maior. Ao ano seguinte gañaría o Avelina Valladares de poesía por Dentro, que publicaría posteriormente en Fervenza. En narrativa ten publicado Bailarei sobre a túa tumba (Biblos, premio Biblos de novela 2008) e A arte do fracaso en Barbantesa. A súa obra tamén está presente en varios volumes colectivos.