O pasado sábado arrancou no Paseo Central da Alameda a XXXI Feira do Libro de Santiago de Compostela, que terá lugar ata o domingo 6 de maio.
O pregón inaugural correou a cargo do director da editorial Galaxia Víctor F. Freixanes, e no acto tamén participou a Asociación do Traxe Galego, que xunto co concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura colaboran coa Federación de Libreiros.
Nesta XXXI edición a Feira conta con 14 casetas nas que participan a Biblioteca Pública Ánxel Casal; o Consorcio Editorial Galego, Editores de Compostela ou a Gran Enciclopedia Galega; tamén estarán presentes as librarías Ler, de A Pobra do Caramiñal; Arenas, da Coruña; Brañas, de Carballo; Brea de Betanzos; Cartabón e Libros para Soñar ambas de Vigo; Pedreira de Santiago e Urco Editora.
Ao longo da semana desenvolveranse actividades dirixidas para todos os asistentes. Begoña Caamaño, Xosé Neira Vilas, Mario Regueira, Rexina Vega, Pedro Feijóo ou Anxo Angueira serán algúns dos escritores que presentarán as súas obras en Compostela ao longo destes días de Feira.
Nenos, mozos e maiores poderán gozar de distintas actividades na feira, desde obradoiros ata charlas coloquios, ademais dos habituais encontros cos autores para a sinatura de libros. Cómpre recordar que todos os días antes do peche da feira realizarase un sorteo dun lote de libros.