O escritor Anxo Angueria é o novo presidente da Fundación Rosalía de Castro. O padroado da Fundación reuniuse o pasado venres 1 de xuño para escoller o novo presidente e a nova comisión executiva.
Angueira chega á presidencia cunha listaxe de consenso. O escritor e poeta propuxo un programa de goberno para os próximos anos que salienta o fomento dos vínculos da entidade co Concello, con outras institucións e coa realidade do pobo de Padrón.
Investigador e dinamizador da figura de Rosalía de Castro, Anxo Angueira concibiu, entre outros proxectos, a guía Terra de Iria. Viaxe ao País de Rosalía de Castro (A Nosa Terra) e Rosalía XXI, unha achega ao universo rosaliano en clave de jazz.
A nova comisión executiva, co escritor á cabeza, está integrada por Luz Pozo Garza, vicepresidenta da Fundación e académica de número; Xosé Carlos Beiró Piñeiro, secretario; Justo Cortizo Sóñora, tesoureiro e cinco vocais: Xesús Alonso Montero, presidente do Centro de Estudos Rosalianos e académico de número; Ana Blanco, presidenta en funcións ata a votación; María do Carme Kruckenberg, escritora e ensaísta; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da Real Academia Galega; e Dolores Vilavedra, profesora e crítica literaria.
O Padroado Rosalía de Castro, que se fundara no Hotel Compostela de Santiago o 15 de novembro de 1947, transformouse en Fundación Rosalía de Castro o 29 de decembro de 1995.
A Fundación, que ten a súa sé na Casa da Matanza en Padrón, ten como finalidade fomentar e difundir o culto á memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía; conservar e incrementar o patrimonio rosaliano dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado; coidar do Mausoleo de Rosalía sito San Domingos de Bonaval; e celebrar actos en conmemoración das datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) así como o 25 de xullo en Santiago de Compostela.