Inventario dun adeus. Expiatoria da vilagarciá Andrea Fernández Maneiro acada o primeiro premio no IX Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que convoca o Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo.
O xurado destacou nos versos de Andrea Fernández Maneiro a “elaborada imaxinería do conxunto, o coidado na dicción e na escolla das solucións léxicas, así como o estreito diálogo entre o musical e o textual que envolve harmonicamente toda esta escrita”.
Nesta edición tamén foron premiados co segundo premio o traballo titulado Antípoda, de Paula Luís González; e como terceiro Barazas e Sedeños, de Rosa María Novoa Vázquez.
O xurado estivo formado por Aurea Ramil, Chema Felpeto e Armando Requeixo, con Alberto García Fernández e mais Gil Ares como representantes do concello de Mondoñedo.
A organización salientou a grande participación deste ano, con preto de 100 orixinais recibidos.
A entrega do premio terá lugar este sábado día 12 de decembro, nun acto que comezará ás 13.15 h. cunha ofrenda floral na tumba de Leiras Pulpeiro, para realizar de seguido a entrega de premios no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo.
O Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro é un certame organizado desde o ano 2012 polo Concello de Mondoñedo , co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores premiando a poesía. Entre os gañadores deste certame atopamos os nomes de Xurxo Martínez González, Carmen Pereiras Pérez, Eduard Velasco, Elvira Ribeiro Tobío, Miriam Ferradáns, Lorena Souto, Martiño Maseda e Javier Rodríguez González, gañador da pasada edición.