Todos os días, é a novela con que Alberto Ramos resultou galardoado co XIII premio Risco de Creación Literaria, certame organizado pola Fundación Vicente Risco, a editorial Sotelo Blanco e o concello de Ourense. O xurado, formado por Adelaida Vidal, Ánxela Gracián, Serafín Alonso e Soedade do Muíño, destacou que a novela reflicte a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal.
Ao longo da novela van aparecendo como elementos secundarios os ERE, o peche dos medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional, a falta de expectativas vitais, a contraposición entre a realidade laboral doutros países emerxentes economicamente e a nosa propia.
Escrito cunha técnica realista, de fondo existencial, a través de imaxes moi visuais, pequenas metáforas nihilistas que dan conta do baleiro dos días que se suceden uns iguais a outros.
Con esta obra Alberto Ramos engade o seu nome á lista de gañadores deste certame, como Xosé Vázquez Pintor, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Caride ou Xurxo Sierra Veloso, entre outros grandes autores.
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) é xornalista. No 2005 gañou o premio Biblos con Dor pantasma e no 2009 o IX Premio por Entregas do xornal La Voz de Galicia pola obra Con acuse de recibo, publicada en Biblos. Co premio Risco, amais da dotación económica estipulada nas bases do concurso, o autor verá publicada a súa obra na editorial Sotelo Blanco.