O escritor vilalbés Agustín Fernández Paz recibiu o XI Premio Ramón Piñeiro “Facer país”, que entrega a Asociación Cultural 'Val de Láncara' para recoñecer o labor dunha persoa ou entidade en prol do país.
O xurado, composto por integrantes de catorce asociacións de Láncara, Sarria, A Pobra de San Xiao e O Corgo, destacou de Fernández Paz a súa obra e o seu compromiso con Galicia e a lingua galega. Os membros do xurado salientaron a figura de Agustín entre un total de 45 presentadas e destacaron que se trata dun “dos mellores escritores de literatura infantil e xuvenil”. No seu labor como mestre fíxose fincapé o seu traballo en prol da renovación pedagóxica do país. Para finalizar, recoñeceuse ao seu carácter de “bo e xeneroso”.
O nome de Agustín Fernández Paz ficará deste xeito ao carón doutros ilustres galegos, merecedores con anterioridade deste galardón: Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini e Mero.