A Real Academia Galega (RAG) ven de publicar a súa nova e moderna web.
O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, presentou en rolda de prensa, a nova web da institución e o Dicionario electrónico galego. Tamén estiveron presentes o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, e o codirector do Dicionario, Manuel González.
En palabras de Méndez Ferrín: "Hoxe na Academia toca innovar. Con esta web a Academia sae desta casa venerable para entrar na casa de todos. É o momento de estar moi presentes na sociedade e a Academia cumpre con este mandado".
Nesta nova xeira, a web achega cumprida información da vida académica e facilita o coñecemento, primando dúas áreas que son o cerne da institución: velaí probablemente a base de datos máis completa sobre as figuras homenaxeadas nas Letras Galegas. E aínda máis. A RAG prima a transparencia, indicando cales son os acordos e os convenios que financian a institución. Inclúe información sobre a vida académica, poñendo directamente ao dispor do público fotogalerías e resumos videográficos dos actos. Por outra banda, debulla e valoriza o seu patrimonio: biblioteca, hemeroteca, arquivo, publicacións e recursos quedan patentes e á vista de todos. Os catálogos, alí onde se pode, facilitan tamén a consulta na rede dos fondos. Na hemeroteca fíxose un esforzo de dixitalización e consulta en liña, e a súa conexión coa rede de bibliotecas dixitais europeas: Europeana, Hispana e Galiciana.
Así mesmo contempla dúas novidades temáticas: un apartado específico sobre a nosa lingua e o seu uso, unha información pensada, sobre todo, para un público foráneo que se achega á Academia como á autoridade científica neste campo. E máis o denominado como "destaques comentados", que, cunha actualización frecuente, irán dando conta de pezas senlleiras coas que conta a institución.