O proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Le.es: A literatura electrónica en España (Inventario e estudo)’ acaba de lanzar unha web divulgativa cun inventario dos autores máis importantes da Península Ibérica dedicados á creación e ao estudo da literatura nos novos medios. Ao tempo, o proxecto fará estudo e seguimento da actualidade deste campo emerxente e híbrido, que está en permanente cambio e experimentación.
Este proxecto está vinculado á Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e o seu coordinador é Anxo Abuín, profesor titular da facultade de Filoloxía. Nel participan once investigadores do país procedentes da filoloxía e a literatura comparada, así como doutros eidos como o teatro ou o xornalismo.
O equipo compóñeno ademais do propio Abuín, a profesora experta en Ciberliteratura María Teresa Vilariño, o catedrático e académico da RAE Darío Villanueva, o profesor da ESAD Alfonso Rivera, e os investigadores da USC Manuel del Río, Andrea Álvarez Pino, David Muíño, María López Suárez, Iria Castro, Saúl Rivas e María Yáñez.
A web contén un amplo inventario dos principais creadores que teñen experimentado coa literatura electrónica, dende diversos ámbitos como o net-art, a performance ou a narrativa transmedia. Tamén se inclúe unha listaxe de teóricos e críticos que se dedican ao estudo das literaturas dixitais, sobre todo do ámbito español pero tamén de Portugal e Latinoamérica. Como sinalan os seus promotores/as, en total son case cen referencias que se irán ampliando a medida que o proxecto se desenvolva, nun traballo en continua construción.
Cunha ampla lista de publicacións, bibliografía e enlaces de referencia, a web pretende ser unha ferramenta de traballo para investigadores e para todas as persoas interesadas no ámbito da produción cultural nos novos medios.