A Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía dedica á pintora mexicana Frida Kahlo (Coyoacán, México, 1907-1954) este mes de xaneiro.
Coa Galería de Mulleres destácase cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, ... Cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra. Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.
A pesar de estar xunto a un artista da talla de Diego Rivera, Frida Kahlo conseguiu non ser escurecida por el, - como tan inxustamente ocurríu con outras mulleres brillantes cuxa obra foi escurecida, ou mesmo “roubada” polos seus compañeiros-, Frida brillou con luz propia e converteuse nunha icona representativa do seu pobo. Afondou nas raíces estéticas e a iconografía mexicanas e fixo uns retratos excepcionais que deixan ver o mundo interior da persoa retratada, destacando os de si mesma, nos que se pode apreciar a dor física e emocional e a tristeza que a envolven. A pesares das súas horas de soidade e encerro , polos seus problemas físicos non perdeu o contacto co mundo real e foi unha muller comprometida política e socialmente. Artisticamente relacionase co surrealismo, aínda que ela dixo que non pintaba soños, senón a súa realidade. A súa Casa Azul de Coyoacán, a casa onde naceu e viviu foi convertida no Museo Frida Kahlo.
Hoxe séguenos fascinando a figura de Frida, a súa imaxe envolta en roupas tradicionais mexicanas, a súa vida apaixonada e sobre todo a súa enigmática e fermosa obra.