Tal día coma hoxe de hai dous anos deixábanos o intelectual e activista cultural Francisco Fernández del Riego. Dende a Fundación Penzol, ademais de lembrar con señardade esta data xa referencial do seu cabodano, queren facer partícipe a toda Galicia de que o 7 de xaneiro do vindeiro 2013 cumpriranse tamén cen anos do seu nacemento.
Ás portas do Ano do seu Centenario, efeméride que cómpre recordar e conmemorar como tal insigne e exemplar protagonista merece, dende a Fundación Penzol, entidade de cuxa biblioteca foi o seu director, fan un chamamento a todas as entidades, institucións e colectivos galegos do mundo da política, da cultura e mais da educación, así como aos medios de comunicación, tanto públicos coma privados, e á cidadanía galega en xeral para que se sumen a esta conmemoración organizando e promovendo ao longo do ano, cada quen na medida dos seus medios e posibilidades, homenaxes e outras actividades diversas nas que se difunda a fecunda vida e obra do excelso persoeiro.
Actos ou eventos que sen dúbida, de levárense a cabo, axudarán a dimensionar e por en valor a súa inquebrantable e leal entrega e compromiso co país e coa nosa cultura, dende os seus anos de mozo universitario compostelán ata o remate da súa lonxeva vida, case centenaria. Amplitude de chamamento xustificado, entre outros coñecidos e notorios méritos de Del Riego, polo seu talante de home aberto, cordial e dialogante. Home vertebrador, home de encontros, sempre alentador e cunha actitude nomeadamente construtiva, tal que din os versos de Isla Couto, e que fan del un dos grandes valedores da cultura de nós.
Dende a propia Fundación Penzol están a artellar e ultimar un calendario de actividades e recoñecementos varios. Proxectos pendentes, os máis deles, para a súa realización e desenvolvemento da aprobación ou confirmación das necesarias e inevitables subvencións por parte das distintas administracións e organismos contactados. Actividades que se desenvolverán no proclamado Ano Fernández del Riego.