Dúas letras, a curta con guión da escritora Fina Casalderrey e dirixido polo director Eloy Varela, é unha das grandes triunfadoras do último Festival de Cans, que ven de pechar hai uns días as súas portas ata o vindeiro ano. Dúas letras obtivo os seguintes galardóns: Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, Premio do público á mellor curtametraxe de ficción e premio á mellor interpretación feminina para Teresa Fraga.
Dúas letras é un filme onde as ausencias, a diglosia lingüística, a emigración, os silencios forzosos... van tatuando no rostro de Áurea as cicatrices do seu drama persoal. Mentres a esperanza de volver a ver ao seu fillo se vai esvaecendo.
Outra boa nova é que en breve tanto o libro asinado por Fina Casalderrey como a curta estarán dispoñibles nas librarías do país da man da editorial Galaxia.