Hoxe tivo lugar nos Xardíns de Méndez Núñez a inauguración da Festa do Libro, desenvolta en colaboración coa Agrupación de Libreiros da Coruña, que se poderá visitar ata o luns 23 en horario de 11.30 h. a 14.00 h. e de 17.30 h. a 21.00 h.
Ademais das 10 casetas de libreiros coruñeses, o Concello contará cun posto das Bibliotecas Municipais que ofrecerá un consultorio de lectura. Durante estes días importantes autores visitarán este espazo para asinar libros e compartir as súas creacións co público.
Un dos actos centrais do día 23, coincidindo co Día Internacional do Libro, será a manifestación pública a favor da lectura no Obelisco a partir das 19.00 h. na que se anima a todos os coruñeses a ler en voz alta durante cinco minutos un libro, un cómic, un folleto ou o que lles apeteza.
Por outra banda, as Bibliotecas Municipais, que durante todo o ano ofrecen unha programación estable, reforzan estes días a súa actividade cun programa especial. O 23 de abril estarán nas estacións de autobuses e na de tren, pero ademais os centros dos Rosales, Monte Alto, Fórum Metropolitano e a biblioteca municipal Infantil e Xuvenil realizarán talleres interactivos de música, pintura, poesía e danza; un recital poético; unha mostra bibliográfica ou a iniciativa de apoio ás bibliotecas A marea amarela.