A Cidade da Cultura de Galicia acollerá os días 4 e 5 de outubro un congreso que conmemorará o bicentenario do nacemento de Francisco Añón. O congreso, coordinado polo historiador Xoán Mariño, está organizado pola Consellería de Cultura e conta coa colaboración do concello de Outes, berce do ilustre poeta.
A inauguración da exposición Añón, precursor do Rexurdimento, a proxección do documental Añón na memoria, de Juan Silva e Óscar Sendón, xunta a presentacións de libros e conferencias centrarán o groso das actividades deste Congreso, no que participarán, entre outros, o presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, o historiador Xesús Alonso Montero ou o profesor e escritor Gonzalo Navaza.
Francisco Añón Paz naceu en Boel, no concello de Outes, no ano 1812. Licenciado en Xurisprudencia pola Universidade de Santiago, participará na actividade da Academia Literaria e colaborará coa primeira xeración provincialista. A súa obra está escrita en galego, castelán e portugués, e está considerado como un dos precursores do Rexurdimento. Admirado por Curros Enríquez, Añón gozara de moita popularidade no século XIX. Sen embargo, é cesado do seu posto de oficial de arquivos en 1873. Añón vivirá en Madrid os seus derradeiros anos marcado pola miseria e a doenza. Finalmente, faleceu en 1878 no madrileño Hospital da Princesa. Dedicóuselle a Francisco Añón o Día das Letras Galegas en 1966, ano en que ven a luz dúas antoloxías poéticas do autor.
Inscricións e máis infomación na Casa da Cultura de Outes, no teléfono e fax 981 850 950, ou en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.