A Biblioteca Municipal do concello de Neda celebra o seu 30 aniversario, sendo un dos primeiros centros de lectura pública de toda a comarca e conta cun 70% de veciños e veciñas que son socios. Así, e para rememorar a súa inauguración, celebrada o 19 de febreiro de 1982, o alcalde Ignacio Cabezón anunciou que o Concello convoca a todos os veciños e veciñas da localidade a un acto cidadá o próximo 17 de febreiro. A partires das 18.00 h., e ás portas da Biblioteca Municipal, autoridades e veciños descubrirán unha placa conmemorativa –arestora carece dela, xa que na súa inauguración non se colocou ningún elemento que recordase a data– e se entregarán libros aos asistentes.
A concelleira de Cultura, Eva Olmo, avanzou a programación de festexos, que comezará xa o venres, 3 de febreiro, cunha visita guiada polas instalacións por parte dos estudantes do colexio Belén, de Ferrol. Comezarán cun percorrido no que o bibliotecario, Manuel Pérez Grueiro, invitaraos a viaxar por A cidade dos libros, e rematará cun taller de contacontos e xogos de palabras nos que nenos e nenas serán os principais protagonistas.
O mesmo venres, pero en horario de tarde, os veciños e veciñas de Neda poderán gozar do teatro da compañía Tremoia na Casa da Cultura. A función leva por título Hildegart e está baseada no asasinato desta moza que convulsionou á sociedade dos anos 30.
Dentro do programa Letras Vivas, cofinanciado por Concello e Xunta de Galicia, haberán propostas centradas na palabra e nos libros. Así, os veciños e veciñas poderán participar en dous obradoiros. O primeiro, dirixido ao público adulto, desenvolverase o 7 de febreiro, ás 10.00 h. na Casa da Cultura. Baixo o título Microletras, será impartido pola escritora Eli Ríos, que analizará técnicas de la escritura a través das creacións culinarias e valéndose de elementos atípicos como a comida ou un microondas. Unha sorpresa a descubrir para o que se precisa de inscrición previa na propia Casa da Cultura.
No mesmo escenario, pero o venres, 10 de febreiro, ás 18.00 h., desenvolverase o obradoiro Aventuras de papel. Dirixido pola actriz Helga Méndez, está pensado para nenos e nenas de 8 a 10 anos. Como o anterior, require de inscrición previa na Casa da Cultura.