A Asociación de Tradutores Galegos organiza mañá venres, ás 20.00 h. no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, unha homenaxe ao tradutor, escritor e ensaísta Valentín Arias, finado o 25 de marzo do pasado ano.
O acto será presentado por Rexina Vega e interveñen Xosé María Gómez Clemente, Antía Cal, Avelino Pousa, Lois Arias Castaño, Xosé Manuel Beiras, Víctor F. Freixanes, Manuel Bragado, Ana Iglesias, Camiño Noia e Mini e Mero (de A Quenlla).
Valentín naceu en Sarria no ano 1934 e foi o responsible de que se puidera ler en galego desde Tintín ata Camus, pasando por Jules Verne, Le Clézio ou Bernardo Atxaga.
Cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos foi mestre-director Escola Primaria de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros, creada por don Antonio Fernández López e dirixida por Avelino Pousa Antelo e profesor de EXB en Vigo. Traballou na Fundación Penzol e dende 1975 ata 1978 foi xerante da editorial Galaxia.
Foi autor das obras A lingua galega na escola, A escola rural en Galicia, Lois e Sabela, Catro nenos, ¿Cómo se fai un libro?, Libro de estilo ou Prontuario ortográfico de galego, amais de desenvolver traballos biográficos de Antonio Fernández López e de Avelino Pousa Antelo.
Por mor dos seus traballos de tradución foi premiado co Nacional de Tradución, o Ramón Cabanillas, o Plácido Castro de tradución, Casa Galicia (Bilbao) e San Martiño (A Estrada).