A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ven de nomear ao escritor, ensaísta e economista nx0woé Luís Sampedro Escritor galego universal, un recoñecemento que quere destacar a aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade humana e das culturas nacionais. A AELG considera a Sampedro merecente deste galardón pola alta calidade da súa literatura -lúcida, profunda, radical e transgresora-, impregnada do insubornábel compromiso ético do autor.
A relación de nx0woé Luis Sampedro con Galicia comezou nos anos 70 a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou economicamente cunha mensualidade do seu soldo de Senador por designación real nas primeiras cortes democráticas; no exercicio desta responsabilidade defendeu a inclusión do dereito de autodeterminación no texto constitucional.
A relación continuou a través da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, participando en congresos alí organizados nos anos 80.
En 1990 impartiu a lección inaugural, con título “Un humanismo para una crisis”, da segunda edición da Universidade Popular de Ortigueira, aproveitando a estadía para coñecer Betanzos (onde está soterrado un seu avó), A Mariña de Lugo e a comarca de Ortegal, visita que tivo reflexo na súa novela máis querida, Real Sitio.
Este premio, que xa recibiron Mahmud Darwich, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda, será entregado no mes de maio.