Hoxe a partires das 12.30 h. a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) homenaxea ao poeta de Dodro -quen este ano faría os 50 anos- na súa casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, do Concello de Dodro.
O acto, que contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón, abrirase cunha intervención do presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias. De seguido o poeta Paulino Vázquez lerá o Laudatio.
A intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón, o descubrimento dunha placa conmemorativa e a lectura de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro completarán o programa de homenaxe ao poeta tristemente malogrado hai xa vinte e seis anos.
Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: "Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo". "O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta."