Edicións Xerais de Galicia e o IES Rosalía de Castro de Santiago organizan un acto literario para conmemorar o 25 aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro. O acto terá lugar o vindeiro xoves, 10 de novembro, ás 20.00 h. no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Este acto contará coa participación de Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, nx0woé Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato, Suso de Toro e Iago Martínez que actuará como moderador. Polaroid de Suso de Toro bateu coma un lóstrego na narrativa galega da década dos oitenta, axudando de forma decisiva a reorientala nos vieiros da modernidade. Publicado por vez primeira en 1986, dentro da colección Xerais Narrativa, recibiu dende entón, un grande apoio dos lectores novos, que viron neste libro perturbardor unha referencia case xeracional. Polaroid, que xa leva sete edicións vendidas máis unha edición especial, foi premio da Crítica no ano 1987.
Polaroid é un libro de narracións que enlaza tanto coa cultura underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, do tempo dos medios de comunicación audiovisuais e da cultura da música pop anglosaxona. Mais tamén é un libro que trata das linguaxes, da lingua e os seus diversos niveis e usos; que xoga e experimenta coa linguaxe narrativa; que ironiza sobre a literatura e as súas retóricas; que utiliza, a partir da oralidade, todo tipo de materiais atopados, creados, manipulados para facer literatura…