A literatura galega estase acostumar a viaxar nos últimos anos polo mundo adiante, e cada vez cara máis lonxe. Desta volta os lectores e lectoras coreanos xa poden ler a historia escrita por Xosé A. Neira Cruz e ilustrada por David Soler, Jan estivo alí, publicado a comezos do 2010 por Galaxia na colección Árbore Arte. Os editores da coreana Kookmin Books apostan por un título galego para engrandecer un catálogo de álbumes ilustrados que se atopa entre o mellor do mundo.
Con Jan estivo alí estamos diante dun libro de gran formato, no que arte e literatura van da man nunha historia singular que parte da premisa de que dentro das grandes obras de arte habita un enigma. Un misterio chamado a perdurar ao longo dos séculos. Así sucede no marabilloso retrato do matrimonio Arnolfini, que Jan van Eyck pintou en 1434. No fondo do cadro hai unha sorpresa, e desa sorpresa naceu esta historia na que o texto, e a recreación que o ilustrador fai da obra clásica e doutros cadros antigos, dan como resultado un volume que está a sorprender a todos cantos poden velo. Agora, tamén, aos lectores e lectoras coreanos.