Do 4 ao 31 de marzo de 2012, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Este proxecto cultural que comezou a andar no ano 2000, constitúe unha das pezas máis prezadas da programación anual do Concello de Pontevedra.
Como en edicións anteriores, o Salón centrará as súas actividades nunha temática determinada. Este ano indagará nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.
A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números:12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletos: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trevo de 4 follas, botar o sal por enriba das costas, fregar a chepa dun corcovado... coa presenza de seres sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os gatos. Se son negros, mellor que mellor!
Autor homenaxeado
E tamén que ao igual que noutras edicións, homenaxearase a un autor que desenvolvera unha gran parte da súa obra centrada no público máis novo. Desta vota o autor homenaxeado de 2012 é Paco Martín, escritor e mestre nado en Lugo en 1940 e cunha grande traxectoria de publicacións e premios. O seu primeiro libro, Muxicas no espello, apareceu en 1971. Publicou despois as novelas No cadeixo (1976) e E agora cun ceo de lama (1981) e o volume de relatos Dende a muralla (1990), obras todas elas obxecto de excelente acollida pola crítica. Mención aparte merece a súa contribución á literatura infantil e xuvenil, na que fixo acreedor do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co libro Das cousas de Ramón Lamote e á que aportou libros como Lembranza nova de vellos mesteres (1988). Con Historias para ler á noite (1992) acadou dos seus maiores éxitos.