Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Os nenos da varíola (Galaxia) de María Solar

Rate this item
(0 votes)

A Coruña, comezos do século XIX. A varíola arrasa e decima poboacións enteiras en Europa. En América aínda é peor, onde a voracidade do virus non ten límite. Os corpos supurantes cheos de vexigas e deformados de homes, mulleres e nenos acumulábanse nas cidades e aldeas sen mirar a condición ou a posición social. Esta imaxe apocalíptica, que hoxe nos parece máis dun relato de ciencia ficción, deuse hai tan só douscentos anos.

Velaquí o comezo da historia que nos ofrece María Solar en Os nenos da varíola (Galaxia) e como se foi configurando a grande xesta do doutor alacantino Francisco Xavier Balmis para erradicar esta enfermidade. O rei español Carlos IV, cuxa filla María Luísa sufriu a enfermidade, financiou e promoveu a denominada Real Expedición Filantrópica da Vacina, dirixida por Balmis, que pretendía transportar polo que daquela era o imperio español a vacina da varíola. A expedición partiu da Coruña en 1803 e incluía como pasaxe a 22 nenos expósitos que se encargarían de levar o virus ata América nos seus propios corpos, mediante a técnica de brazo a brazo.

A novela Os nenos da varíola converteuse nun dos grandes fenómenos literarios do pasado ano. Publicado simultaneamente en galego, valenciano e en castelán, María Solar retrata con habelencia e sensibilidade esa Coruña decimonónica. Saca á luz a vida dos nenos e nenas que eran abandonados nas inclusas, parte deles protagonistas desta historia. Velaí transitan ao longo das páxinas da novela personaxes reais e algúns en parte esquecidos, como a directora da casa de expósitos da Coruña, Isabel Zendal, ou o médico betanceiro José Posse Roybanes. Mesturando acontecementos históricos con outros ficcionados, María Solar vai construíndo a memoria deses pequenos heroes que, dun xeito totalmente inconsciente, salvaron a millóns e millóns de vida.

Estamos ante o relato dunha das grandes fazañas médicas. O resto é historia.

 

 

 

 

En Os nenos da varíola aborda unha das proezas máis importantes da medicina moderna: a dos vinte e dous nenos que levaron a vacina da varíola ata América brazo a brazo. Como coñece vostede este suceso e que foi o que lle impactou tanto deste feito como para querer transformalo en novela?

Eu cheguei a esta historia moito antes de ser consciente de que quería ser escritora. Aparte de ser xornalista de formación, tamén fixen a carreira de Bioloxía, e na facultade, nunha ocasión, contárannos algo, moi por riba, sobre a vacina de Jenner, un médico inglés que se decatou de que as mulleres que muxían as vacas contraían a varíola deste animal, e esa varíola inmunizábaas contra a varíola dos humanos. En base a esa observación, e tras algún experimento, xurdiu a vacina da varíola para os humanos. Foi a primeira vacina que se creou. Eu fiquei fascinada con esa historia. E logo contárannos que o médico alacantino Francisco Xavier Balmis levou esa vacina a América de brazo en brazo de persoas. Así, sen máis explicacións.

Pasados uns anos, exercendo xa como xornalista, dous investigadores da Coruña, aos que eu lles agradezo toda a axuda que me prestaron neste libro, que son Joaquín Pedrido e Toño López, indagaron sobre eses rapaces que levaron a vacina da varíola ata América: quen eran, de onde viñan, cantos anos tiñan... Iso foi no 2006, e na TVG fixéramos unha reportaxe diso, onde reproducimos a historia de Balmis cunha pequena dramatización da época con tres nenos, entre eles a miña filla. Acababa a reportaxe cun primeiro plano da nena levantando a vista e mirando ao espectador, aí conxelamos a imaxe e subíamos un rótulo co nome de todos os nenos. O resultado foi moi emocionante. Ese día decateime de que non valía dicir que vinte e dous nenos levaron a vacina da varíola ata América brazo a brazo, porque detrás de cada un deses nenos había un nome, unha cara, uns ollos, unha idade. Nese intre empecei seriamente a pensar nesta historia, a recoller información, etc.

A historia que aquí nos relata deu pé á publicación de varios libros e incluso a un filme. Á hora de afrontar a escrita de Os nenos da varíola leu vostede todo o publicado anteriormente ou decidiu illarse para non “contaminarse” de todas esas historias anteriores?

Lin absolutamente todo. Aproveitando o feito de que Balmis era un médico militar, nunha ocasión o exército xuntounos en Ferrol aos tres autores que temos escrito sobre isto, que son Almudena de Arteaga, que escribiu Ángeles custodios (Ediciones B), o libro no que se baseou posteriormente o filme 22 ángeles; a Javier Moro, autor de A flor de piel (Seix Barral); e a min. O primeiro libro que se publicou foi o de Almudena, no 2010, e ela ficcionou de arriba a baixo a figura de Isabel Zendal, xa que adoecía de datos tanto dela como dos nenos. Pola súa banda Javier Moro dispuña dunha excelente información e tiña documentalistas en Madrid, na Coruña e en México. Pola miña banda documenteime por min mesma nas fontes adecuadas durante moitos anos. Pero que é o que pasa? Que os nosos libros son moi diferentes. Eu tiña moi clara a miña perspectiva da novela, quería contala dende o punto de vista dos nenos e ata o momento en que embarcan. Podemos extrapolar este tema da expedición da varíola coa Guerra Civil. Hai ducias e ducias de libros coa Guerra Civil de fondo pero son todos libros moi diferentes. O que acontece aquí é semellante, tratamos o mesmo feito histórico pero os nosos libros son moi dispares.

En Os nenos da varíola baseouse nun feito real: os andazos periódicos dunha varíola que asediaba e masacraba poboacións enteiras. Que supuña ter a varíola a comezos do século XIX, momento no que vostede principia a historia deste libro?

A varíola foi a enfermidade que máis xente matou ao longo da historia, máis que a peste, o ébola ou a gripe española. Foi a varíola. A varíola era o terror. Mataba aproximadamente nun trinta por cento dos contaxios, pero cando non mataba deixaba todo o corpo cheo de marcas, a uns deixábaos cegos, a outros sen dentes... Era unha enfermidade terrible e moi temida. Podía matar nun par de semanas, se contraías a varíola enchíaste de vexigas, non había un milímetro de pel sen cubrirse de bochas, pero non só a pel, nas mucosas pasaba o mesmo, dentro da boca ou dos ollos. Causaba un lóxico espanto.

Esta expedición Balmis foi unha auténtica fazaña para a época que permitiu salvar millóns de vidas. Porén, pasou á historia como unha cousa case que me atrevería a definir como secundaria.

O máis brutal da expedición non é que levaran a vacina ata América como quen transporta sacos de fariña a un lugar onde hai fame. Eles tiñan a intención de instalar unhas xuntas de vacinación. Balmis e o seu equipo levaron, por vez primeira na historia, a vacina como un método de medicina preventiva. Esa foi a grande odisea de todo isto. Durante moitos anos tiveron que estar cada dez días vacinando para non perder o virus.

Aquí ao pouco de todo isto foi a invasión francesa e a guerra, pode que esa fora unha das razóns pola que se esqueceu. A min unha cousa que me parece incríbel é que se isto pasa noutro país, nomeadamente nos Estados Unidos, teríamos ducias de filmes e coñeceríamos os nomes de todos os nenos. Non vale con levantar unha estatua ou inaugurar unha rúa, compre memoria viva dun acto como este. Hai que reivindicalo. Mira, o libro saíu en galego, en catalán e en castelán, e cando fixen as presentacións este feito non se coñecía nin en Galicia, nin en Madrid nin en Catalunya.

En Os nenos da varíola describe a dureza dunha época, especialmente a padecida polos nenos expósitos. Nun momento da novela sinala que “a metade dos nenos falecían nas casas de cría antes dos dous anos” ou “De cada cen expósitos, entre setenta e oitenta non chegaban a facer os dez anos de vida. Esa era a realidade, case todos morrían”. A esta novela acáelle moi ben o termo de dickensiano que lle outorgou nunha recensión o crítico Xosé Manuel Eyré

Díxoo moita xente, pero ese é o punto da época. Era igual aquí que na Inglaterra de Dickens. Era un mundo que non ten nada que ver co de hoxe e que é moi difícil de comprender visto dende unha perspectiva actual.

Os nenos expósitos eran o lixo da sociedade. Nesa época non existían os métodos anticonceptivos, nacían nenos espurios e sobre todo había moita fame. O resultado eran moitos nenos sendo abandonados. Os hospitais tiñan unha inclusa dentro onde había un torno, ti deixabas aí o neno, xirábalo, tocabas a campaíña e ninguén preguntaba nada.

A xente non quería saber nada deles, pensaban que transmitían enfermidades, que eran fillos da prostitución... Pero en realidade podían ser fillos de calquera. Algúns nenos eran abandonados temporalmente con algunha marca para poder recollelos cando os pais puidesen. Por orde do Rei si que había leis para dar protección a eses rapaces e sacalos das rúas, dun xeito teórico polo menos, porque aos catorce anos volvían a esas rúas.

Preséntanos unha novela repleta de acontecementos reais, empezando pola propia historia ata os personaxes que aparecen. Foille complicado ficcionar na novela toda esa realidade sen perder a perspectiva da veracidade?

Eu tiña unha auténtica obsesión por ser moi fiel á parte histórica pero sen perder de vista a parte literaria. Os nenos da varíola non é un texto científico, é unha novela, e para facer a novela evidentemente ti tes que ficcionar os personaxes reais,  pero neste caso serán os personaxes inventados os que leven a carga dramática. Por iso encargueime moito de que o lector puidera discernir sobre quen son os personaxes ficcionados e cales son os reais. E cales son os ficcionados? Todos os que non van no barco agás o doutor Posse Roybanes, que si é real e quedou en terra. E logo o libro ten dous finais: o histórico, contado no epílogo, e está tamén o final dos personaxes de ficción que queda un pouco aberto. 

Os nenos da varíola sérvelle non só para falar e homenaxear aos nenos, como dedica na primeira páxina do libro, tamén é un recoñecemento a eses secundarios da historia. Velaí están a propia Isabel Zendal ou o médico betanceiro José Posse Roybanes.

A Organización Mundial da Saúde dixo de Isabel Zendal que foi a primeira muller enfermeira en misión internacional, de feito, o Premio Nacional de Enfermería de México leva o seu nome. Isabel Zendal, da que se ten recollido máis de trinta variantes do seu apelido, naceu en Ordes, aínda que aquí case nin sabemos que existe. É realmente abraiante. E incluso na propia cidade da Coruña, onde ten unha rúa dedicada, o seu nome está mal escrito, aparece como Isabel López Gandalia, aínda que neste caso está solicitado que lle cambien o nome. A memoria colectiva débelle tanto a  Isabel Zendal que coido é xa o momento de devolver algo a esta persoa.

Pola súa banda José Posse Roybanes era un home avanzado á súa época. Ten en conta que A Coruña non era nin Londres nin París, pero el estaba informado dos últimos avances en medicina. Cando moitos médicos negábanse a inocular en humanos vacinas animais el xa o facía. Trae as fías co virus da varíola e en 1805 conseguiu un lugar de vacinación na Coruña. Posse Roybanes é tamén unha persoa esquecida pola historia.

Somos moi desagradecidos nese sentido.

Como apuntaba ao comezo desta entrevista, unha das súas facetas persoais máis descoñecidas é que é bióloga. Nesta novela atoparemos frecuentemente apuntamentos de corte científico, dende a xestación da vacina da varíola ata como se vai desenvolver os procesos de vacinación. Unha vertente científica que aparece aquí dun xeito acentuado como apaixonado.

Son un becho raro, no sentido de que son de ciencias e de letras. Era de ciencias puras e fixen Bioloxía, pero tamén fixen Xornalismo e dedícome a escribir, pero creo que é un erro colectivo separar tanto as ciencias das letras. Agora hai unha serie de movementos a nivel global coa finalidade de unir máis ciencias e letras, que se humanicen máis as ciencias e que a xente das letras non se lles escape o que é o mundo científico. Sinto que a literatura pode servir para xunguir eses dous mundos, para normalizar a ciencia e as letras. Que Os nenos da varíola ten un forte compoñente científico? Sen dúbida, pero ante todo é literatura, aínda que non lle nego ese elemento de divulgación científica, como os pasaxes que indicabas na pregunta, que gocei moitísimo escribindo.

Esa incidencia na parte científica da novela motivou unha serie de charlas organizadas pola editorial e o CSIC.

Si. Enchemos teatros e auditorios con rapaces procedentes de distintos colexios. O CSIC como institución ten un carácter divulgador moi forte, e agradeceron o feito de facer esa sinerxía da literatura coa ciencia. Ademais, creo que isto ábrenos a mente. Velaí está actualmente o debate cos antivacinas, e é moi importante que os rapaces pensen. A ciencia é adecuada para pensar, a literatura serve para pensar. É xuntalo todo e facer que os rapaces reflexionen, que vexan que houbo outros mundos e outras maneiras de vivir. Hai cousas que actualmente non valoramos, como o tema das vacinas. A varíola deixou de existir, foi erradicada. Pero se se erradicou foi porque un pioneiro como Balmis, xunto a todo o seu equipo, instalaron como método de medicina preventiva a vacinación. Eles foron os primeiros. Hai que ser conscientes do que se conseguiu e como se acadou. Iso é o realmente importante. A memoria é fundamental. Como sociedade non podemos estar esquecendo o pasado. Iso é  algo malo. E temos que telo sempre presente, tanto os rapaces como os adultos.

En Os nenos da varíola aposta por non centrarse en ningún personaxe en concreto para contar a historia. Que lle ofrecía relatar os acontecementos dende un punto de vista máis afastado, máis neutral?

Nesta novela o que eu precisaba, o que me obsesionaba, como dicía antes, era ser moi aséptica coa parte da historia, quería poñer pel e carne aos protagonistas.

Eu o que fago en Os nenos da varíola é narrar, contar unha historia, e quero que logo a xente pense e xulgue, que o lector tire a súa propia impresión.

Por exemplo, Balmis era un personaxe que tiña cousas que o afastaban de ser un heroe, aspectos totalmente grises. Somos moi de endeusar ou de facer demos, pero a realidade non é así, todos temos os nosos pros e as nosas contras. Nese sentido si que teño certa manía, á hora de escribir, de transmitir en lugar de xulgar.

O libro estase a converter nun fenómeno literario. Velaí están os múltiples encontros literarios, as obras de teatro, as xornadas de ciencia e literatura…

É algo fascinante, a dicir verdade. Pasárame algo semellante co libro de As meigas de Lupa (Xerais), onde un día me chama un compositor de música de cine para dicirme que lle fixera unha banda sonora*, e logo outra xente diferente fíxolle un audiovisual**, pero todo iso alleo a min. Ti es dono de certa parte cando escribes o libro, pero cando este sae é como se camiñara só, e pasan cousas. De Os nenos da varíola non agardaba tantísimo, para min o máis importante era que emerxera a memoria do que pasou. Pero a parte diso ves que vas enchendo teatros, hai xornadas... Eu véxoo todo dende a barreira, e síntome abraiada no sentido de que o libro converteuse nalgo autónomo e que xera cousas por si mesmo.

* https://soundcloud.com/search?q=As%20meigas%20de%20Lupa

** https://blog.xerais.gal/2014/logo-da-banda-sonora-chega-o-booktrailer-de-as-meigas-de-lupa-de-maria-solar/ 

Un deses momentos máis emocionantes foi a placa en memoria dos nenos que se descubriu no Hostal dos Reis Católicos, antigo hospicio de Compostela?

Sen dúbida. Ese día, que ademais era unha presentación do libro para a prensa, emocioneime moito. Lin aí un fragmento do libro de expósitos do Real Hospital dun dos nenos que aparece no libro. É que é real! Eu traballaba con iso, con nenos reais, descricións reais, e sénteste en débeda con eles para non defraudalos. Eu quería poñerlles pel e osos e que a xente sentira por eles. Non podemos permanecer alleos a iso. A placa transcende ao libro. A placa vai quedar aí como un recoñecemento a eses nenos.

Centra a historia en todo o proceso de preparación da viaxe. Por que decide cortar nese momento a historia?

Tíñao clarísimo. A min o que me interesaba era a “antehistoria”. Se les un pouco deste tema sabes o que pasou e como se desenvolveu a campaña de vacinación. De feito eu non quería poñer o epílogo co que pecho a novela e onde explico un pouco que é o que pasou logo. Interesábame centrarme nas persoas e por iso pechei o día que empezaba a historia con maiúsculas.

 

 

Santiago de Compostela, febreiro 2018

 
 
 
 
 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Entrevista >

Axenda LIX >