“Botándote, nai, de menos, consumín meu corazón.
Xuro pola enteira Creación que non sei como te falar.
Na noite, nos meus soños somnámbulos,
sinto o teu amor
Chamándome: ¿U-lo Imad?”
Este é o fragmento dun poema de Imad Abdullah, preso nesa vergonza chamada Guantánamo. Versos de sangue e de lágrimas, de dor e de saudade. Versos de terroristas e de fanáticos da inmolación e dos atentados, que dirían no Departamento de Defensa dos EUA. A poesía surxe aquí incluso nas condicións máis extremas, máis radicais nas que se poida enfrontar o corpo e esa alma humana xénese de poesía, esencia de vida. Beleza, beleza no ventre do silencio, na destrucción, na humillación da raza humana. O berro desesperado daquel que se sinte morto.
“Tomade meu sangue/Tomade meu sudario de morte e O que queda do meu corpo” (Al Dossari). Os corpos non traspasan cancelas, as letras si, ó igual cas palabras. Inmolación literaria, verbas vomitadas dende as profundidades do estómago. Toda a rabia, toda a impotencia, todo o desacougo do mundo condensada nunhas poucas letras. No omega só queda a palabra, a literatura, a poesía. Son presos a quenes lle privaron da liberdade, intentaron calalos, requisarlles os sentimentos: a esperanza, o medo, a ilusión. Procuraron invisibilizalos, pero ate no horror hai beleza e no silencio escoitase a palabra.
E nós participamos, cómplices, na creación destes versos. Nós, dende a distancia, cun océano de por medio, noutro mundo -vello mundo-, somos partícipes deste akelarre: “Anque os días de prisión alónganse/haberá un día para deixala” prega Daddiq Turkestani.
Foron detidos, moitos deles serán culpables, algúns inocentes, máis priváronlles da xustiza. Foron botados da súa terra polo Poder, pola Forza, polo Censor. E no medio desta desesperanza só encontraron alivio na poesía, na expresión deses sentimentos que intentaron roubarlles.
* O profesor Mark Falkoff reuniu poemas de presos en Guantánamo baixo o título “Poemas de Guantánamo: A voz dos detidos” que prevé publicar nestes meses. O Goberno Estadounidense intentou boicotear este libro argumentando que podían conter mensaxes segredos. As Organizacións pro-dereitos Humanos afirman que a Administración Bush quere facer ver que non hai persoas, senón animais terroristas encarcerados. Aos meus amigos do outro lado da aramado é a dedicatoria que contén o libro.