O escritor vigués Xosé Alfredo Naz Fernández gañou por unanimidade o XI Concurso de relatos de aventuras “Antón Avilés de Taramancos” co relato O sorriso de Hitler.
Nesta edición do concurso de relatos de aventuras participaron 18 obras. O xurado, formado por Xavier Castro, en calidade de secretario con voz e sen voto, o escritor Antonio Piñeiro, o poeta e artista plástico Baldo Ramos e o crítico literario Ramón Nicolás, destacaron a calidade das obras presentadas.
Sobre a obra gañadora Antonio Piñeiro debulla que O sorriso de Hitler é unha historia contada por medio de flash-backs, a raíz dunha experiencia post-traumática, que leva ao lector cara finais da II Guerra Mundial. Ese estress vai facer que o protaginista vaia escaravellando en determinados episodios que o provocaron. O autor presenta un plantexamento moi orixinal xa que de entrada presenta o asunto dende o sorriso de Hitler.
Amais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, entregarase ao gañador unha escultura do artista Alfonso Costa e como en edicións anteriores, a obra gañadora publicarase na editorial noiesa Toxosoutos.
Xosé Alfredo Naz é profesor de matemáticas e ten no seu haber premios literarios como o III certame de relatos de muller Matilde Bares do concello de Bueu, I certame Ciencia que conta ou o Ánxel Fole de Lugo do 2005.