O poeta lucense Xavier Rodríguez Barrio é o novo gañador do premio de poesía Cidade de Ourense, que nesta edición alcanza a súa 27ª edición, coa obra titulada Calado testamento. Esta obra supón o retorno á poesía do autor de Antiga claridade (Galaxia) dende o ano 1995, cando acadara o Cidade de Betanzos por Colección de oráculos.
O xurado, formado por Miguel Anxo Fernán Vello, Soedade do Muíño, Fernando de Castro Blanco e Edelmiro Vázquez Naval, premiou este traballo onde o Rodríguez Barrio establece un diálogo co seu pasado. Nado, en palabras do autor, con "moita parsimonia", Calado testamento divídese en tres partes: En trazos da súa sombra, Tan inhóspita luz e Ningún regreso.
Amais da dotación económica establecida nas bases do concurso, Calado testamento publicarase, como nas últimas edicións, na editorial Espiral Maior.