Un traballo sobre as transformacións socio-territoriais nunha aldea raiana entre Galicia e Portugal valeulle ao ponteareán Diego Amoedo Martínez o XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2017.
Usos e desusos das terras de Tourém. Transformações socioterritoriais em uma aldeia rural fronteiriça do Norte de Portugal com a Galiza é o resultado do traballo de campo realizado entre os anos 2011 e 2013 en Tourém (pertencente ao concello portugués de Montealegre). O foco principal é a análise das transformaciónssocio-territoriais da aldea decorrentes desde finais da década de 1960 e comezos de 1970, momento en que o aumento da emigración contemporánea tivo seu auxe. De forma mais explícita a obra de Amoedo Martínez dialoga con conceptos como territorialidade, territorio e historia do lugar a través das narrativas dos moradores, das historias de vida e de familia.
Diego Amoedo está graduado en Enxeñaría Forestal pola Universidade de Vigo (2007). É Mestre en Antropologia Social pola Universidade Estadual de Campinas (UNICAMP, 2014). É membro da Asociación Galega de Antropoloxia (AGANTRO) e da Associação Portuguesa de Antropologia (APA).
Este premio de Ciencias Sociais nace co obxectivo de honrar a memoria de Vicente Risco, gran investigador e etnógrafo, e para axudar á consolidación da cultura e a fortalecer as relacións de Galicia con Portugal e a Lusofonía. Está organizado polos concellos de Allariz e Castro Caldelas, a Fundación Vicente Risco e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), representada no Centro de Estudos Transdisciplinares para o Desenvolvimento (CETRAD), en colaboración con Âncora editora e Urco editora.
Ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, Diego Amoedo verá nos vindeiros meses publicado o seu traballo.