Xa está todo listo para que arranque a edición deste ano do FestiLetras, que organiza a Asociación Cultural Monte Branco, a Fundación Eduardo Pondal, a Asociación Cultural Inllar, a Asociación Cultural A Oliveira de Monte Branco e o Colectivo Con V de Valarés, e que conmemora durante catro días o Día das Letras Galegas 2012 ademais de lle render homenaxe a Valentín Paz Andrade.
As actividades que este ano integran Festiletras responde ao esforzo e compromiso de toda a xente que integra estas cinco entidades, que ven no feito cultural unha forma de promover e divulgar o patrimonio de Ponteceso e a súa forma de transmitir a futuras xeracións valores e exemplos de entender as distintas expresións culturais.
Estas Festiletras 2012 integran máis de 30 actos que xiran en torno á cultura, á literatura, ao teatro, ao cine e ao humor e a moitas outras facetas creativas.
A aldea do Couto celebra este ano o trinta aniversario de conmemoración da Festa das Letras. Trinta anos nos que en cada edición se foi construíndo historia grazas á colaboración de moita xente movida polo bulir cultural que aquí comezaba a xurdir.
Precisamente, con este motivo, o de agradecer a toda a xente que contribuíu a facer da celebración da Festa das Letras unha cita no Couto cada ano, as entidades promotoras decidiron crear os premios Queixumes que se entregarán o día 17 de maio. Estes galardóns recoñecerán o esforzo e dedicación de 30 persoas que ao longo deste tempo contribuiu a que trinta anos despois aínda se sega celebrando esta festa cultural.
Festiletras 2012 comprenderá datas desde o 16 ata o 20 de maio. A programación comezará o día 16 cunha convivencia de centros educativos da comarca de Bergantiños. Ese mesmo día, terá lugar o roteiro As noites de prácido luar interpretado por rapaces veciños de Ponteceso baixo a dirección de Lucho Penabade.
O 17 de maio farase entrega dos premios Queixumes nun acto no que entregaremos tamén os galardóns Bos e Xenerosos que a Fundación Eduardo Pondal concede nesta edición. Este ano, os premiados son Xosé Pumar Gándara, Uxía Blanco e Antón López Rivas (Mago Antón).
O venres, 18 de maio, as fadas pondalianas e os escritores Xoán Babarro, Ana María Fernández, Xelucho Abella Chouciño xunto cos músicos Gloria Mosquera de Mamá Cabra e Diego Maceiras; o tamén escritor Miguel A. Mato Fondo traballarán cos alumnos de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato.
O sábado realizarase unha convivencia entre a Fundación Eduardo Pondal e a López Abente, cuxos protagonistas foron parentes no seu día.
O domingo 20, ás 11.00 h., inaugurarase a XXX Feira de Artesanía na que se prevé unha ampla asistencia de artesáns e o Salón do Libro.
Estes son algúns dos actos que integran esta ampla programación que se pode caracterizar con tres palabras: calidade, variedade e diversidade.
Os organizadores coinciden en destacar que é un programa de actos moi ambicioso que pretende cubrir todas as demandas dun público moi esixente no eido cultural, musical e de lecer.