A poeta cuntense Regina Touceda é a gañadora do XXXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado desta edición estivo formado por Elvira Ribeiro Tobío, Daniel Salgado e Lorena Souto, que escolleron deriva, de Regina Touceda, como gañador de entre as 65 obras presentadas a concurso este ano.
Este premio está orientado expresamente a libros de poesía en lingua galega de autores que non tivesen obra individual previamente publicada. Entre os nomes que acadaron este premio atopamos nomes como os de Míriam Ferradáns, Eduard Velasco, Francisco Cortegoso, Xiana Regos, Susana Sánchez Aríns ou Ramón Neto, entre outras.
Regina Touceda é estudante de Filoloxía Galega na USC e atópase actualmente de Erasmus en Cork, Eire. Algúns textos seus foron premiados en diversos certames como O Carmen de Xinzal, o premio da A.C. O Fervedoiro ou o Rosalía de Castro da Fundación Rosalía de Castro. No ano 2018 aparece entre as voces novas da poesía galega que escolmou Carlos Callón para Sermos Galiza no artigo "Seis poetas que comezan". Ademais da cantidade económica estipulada nas bases do premio, Touceda verá publicado deriva os vindeiros meses na editorial Espiral Maior.