O dramaturgo coruñés Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais. Dans, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva e as deliberación tiveron que realizarse telematicamente. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.
O premio Laudamuco, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, organízase co dobre obxectivo de conmemorar a estrea, o 16 de maio de 1978, de Laudamuco, señor de ningures de Roberto Vidal Bolaño, considerado o momento fundacional do teatro profesional galego, así como a de incentivar a creación de textos teatrais no noso idioma. Na súa primeira edición o gañador foi Xavier Lama coa obra Na miña alma ouvea un lobo.
Raúl Dans, actor de dobraxe ademais de escritor, gañou os máis prestixiosos premios para textos teatrais, como o Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro, o Barriga Verde, Born, etc... Co Premio Laudamuco, ademáis da cantidade económica establecida nas bases do premio, Raúl Dans verá a obra publicada en Positivas.