O Mapa Literario de Vigo, da Biblioteca Pública ‘Xosé Neira Vilas’ de Vigo, ven de recibir o premio Innovación Bibliotecaria no marco das II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia celebradas onte na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Trátase dun recoñecemento ao labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais do noso país que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sustentables no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
O galardón está dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora.
O Mapa Literario de Vigo é un proxecto que quere amosar a importancia da cidade olívica dentro da literatura. Lugares coma a Porta do Sol co Sireno como testemuña de moitos acontecementos das vidas das e dos vigueses e das historias de ficción ou ficcionadas que recollen estas obras, ou o barrio de Teis como testemuña directa dunha xeración perdida e das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as cales designan en moitos casos os nomes das rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza. Vigo transformada nun escenario dos soños, das emocións da linguaxe e das imaxes variadas das lembranzas e da propia historia.