Do 16 o 20 de maio, as Festiletras converterán Ponteceso, e máis concretamente a Aldea do Couto, no gran fervedoiro cultural de Galicia. Con 36 anos de historia, a festa que a vila que veu nacer a Eduardo Pondal celebra arredor do Día das Letras Galegas continúa medrando e innovando con propostas coma Festicencia, a primeira feira científica nun ámbito rural. Personalidades do mundo da ciencia, pero tamén da música, do teatro e, por suposto, das letras, pasarán durante cinco días pola Fundación Eduardo Pondal e a Casa dos Veciños do Couto, centros neurálxicos da celebración.
O acto de inauguración terá lugar o 16 de maio coa entrega dos premios Bos e Xenerosos que este ano recaen na escritora Marilar Aleixandre, o humorista gráfico Xaquín Marín, o actor e director Quico Cadaval e a cantante María Xosé Silvar “Sés”. Ao longo da semana desenvolveranse diferentes xornadas: o Día da Internet, Aldeas Literarias, Festiciencia e Música e a Artesanía serán os grandes bloques temáticos.
Cada día, en horario de mañá, tarde e noite, levaranse a cabo un gran número de actividades aptas para todos os públicos e gustos. Ademais de actuacións musicais, obradoiros, charlas e faladoiros tamén haberá actividades para os máis pequenos con contacontos, xogos e espectáculos de maxia nos que poderá participar toda a familia. Os que tamén volverán a contar cun espazo onde expoñer os seus traballos científicos serán os alumnos e alumnas dos centros educativos que participarán na habitual Feira de Proxectos. A artesanía e o folclore tradicional tamén estarán ben representados coa presenza dalgúns dos máximos expoñentes da comarca.