A tradución ao inglés realizada por Craig Patterson da última novela de Eva Moreda, A Veiga é como un tempo distinto (Xerais), é unha das gañadoras dos últimos PEN Translates awards concedidos polo English PEN. A versión inglesa que asina o académico correspondente, baixo o título Home is Like a Different Time, sairá do prelo en 2018 dentro do selo Francis Boutle.
Os PEN Translates awards premiaron desta volta libros de quince países en catorce linguas. No palmarés, xunto ao traballo de Craig Patterson figuran tamén a primeira novela de Mauritania vertida ao inglés e traducións de obras escritas orixinalmente noutras linguas minoritarias europeas como o occitano e o albano.
Narrada cunha prosa elegante e medida, A Veiga é como un tempo distinto retrata, dende o punto de vista das mulleres, o percorrido vital dunha comunidade de emigrantes galegos en Londres durante a década de 1960. Os límites dos vínculos afectivos entre cada un dos seus membros, o amor, a soidade son temas principais dun relato onde o valor das emocións ten un peso decisivo. Mais, tamén, percorren as páxinas da novela as profundas mudanzas sociais que xermolaron na Europa daquel momento, dende o nacemento do movemento de liberación da muller e do sindicalismo feminino ao agromar da música pop e da súa cultura, fenómenos que anos máis tarde tanto influíron nos cambios profundos da sociedade galega.
Con esta novela Eva Moreda acadou o premio Terra de Melide 2010.