O pasado venres tivo lugar a sinatura de doazón do arquivo de Xosé María Álvarez Blázquez á Fundación Penzol, por parte dos seus fillos e fillas.
A doazón consta de 111 carpetas que conteñen máis de 2.500 documentos, folletos, retallos de prensa, manuscritos, orixinais mecanografados e coleccións temáticas agrupados en temas como prehistoria e arqueoloxía; literatura galega medieval, dos Anos Escuros e do Rexurdimento, romances impresos en Galicia e unha importante colección do cancioneiro popular; historia de Galicia e de Vigo; filatelia; temas vigueses; toponimia e lingüística; etnografía e folclore; documentación política da transición e da primeira etapa democrática; emigración, retallos de prensa e publicacións sobre Castelao e outros varios temas.
Na Fundación Penzol existen xa coleccións procedentes de fondos de Xosé María Álvarez Blázquez, que lle adquiriu Fermín Penzol nos anos 60 do século pasado. Entre eles podemos destacar unha colección 287 documentos en pergameo e papel, do século XII ao XVI, e outra formada por 353 manuscritos autógrafos, do século XVIII ao século XX, con cartas, poemas e minutas de importantes figuras galegas como nx0woeph Cornide, Marqués de Figueroa, Rosalía de Castro, Montero Ríos, Alfredo Brañas, Pondal, Curros Enríquez, Pardo Bazán, Antón Vilar Ponte, Castelao, Bóveda, Vicente Risco, Valle-Inclán e outros.
Xosé María Alvarez Blázquez (Tui 1915-Vigo, 1985) é unha das figuras destacadas das letras galegas, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2008. Escritor polifacético de poesía, narrativa e ensaio, desenvolveu tamén un importante labor como arqueólogo, investigador e editor. Foi membro numerario da Real Academia Galega. Moi vinculado a Vigo, onde residiu gran parte da súa vida, desempeñou durante moitos anos o cargo de Cronista Oficial. Na nosa cidade creou as editoriais “Monterrey” e “Castrelos”. Como gran estudoso e investigador foi coleccionando ao longo da súa vida un importante fondo documental, unha gran parte do cal constitúe a doazón que hoxe fan os seus fillos e fillas á Fundación Penzol.