Este ano, por mor da Covid19, a V Gala do Libro Galego viuse na obriga de ser adiada ao outono. Porén, a Gala, que tiña que se celebrar no día de onte, mantivo as deliberacións do xurado e deu a coñecer os libros gañadores na mesma data. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.
A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.
Gañadoras e gañadores da Gala do Libro Galego:
Ensaio e investigación. Dentro da literatura (Xerais), de Suso de Toro.
Divulgación. A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro (Galaxia), de Juan Casto Rivadulla Fernández.
Narrativa. Seique (Através), de Susana Sanches Arins.
Infantil. A tartaruga Amodovou (Oqueleo)de Paula Carballeira.
Xuvenil. Os corpos invisibles (Xerais) de Emma Pedreira.
Libro ilustrado. Irmá paxaro (Cuarto de Inverno), de Tamara Andrés e ilustracións de María Montes.
Libro de banda deseñada. A chaira (Alita), de Antonio Seijas.
Iniciativa bibliográfica. Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 (Galaxia), de Miguel Anxo Seixas Seoane.
Tradución. Frankenstein ou o Prometeo moderno (Aira), de Mary Shelley e tradución de Samuel Solleiro.
Poesía. Feliz Idade (Kalandraka) de Olga Novo.
Teatro. Citizen (Kalandraka), do Grupo Chévere.
Libro mellor editado. Fosforescencias (Alvarellos), de Lupe Gómez e ilustracións de Anxo Pastor.
Iniciativa cultural ou fomento da lectura. Libraría Chan da Pólvora.
Proxecto literario na rede. Kalandraka TV
Xornalismo cultural. María Yáñez.