O escritor bergondés Xabier López López, coa novela 900 é o gañador da nova edición do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega, que organiza a Deputación da Coruña.
O xurado da XXX edición do Premio Torrente Ballester na modalidade de lingua galega decidiu escoller como obra gañadora unha "gran novela río". A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Luna, e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio coa súa obra A través do fume, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaban parte dun xurado que destacou a "alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas".
De 900, a obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha "novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor". Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha "novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século".
Xabier López convértese así en gañador do XXX Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña na terceira edición en que se convoca para modalidade en galego e en castelán separadas. Nas anteriores edicións Eli Ríos con Luns (Xerais) e Antonio Piñeiro con A través do fume (Galaxia) fixéronse co galardón mellor dotado da literatura galega.
O escritor Xabier López naceu en Bergondo (1974) e reside no concello de Betanzos. Licenciado en Dereito, o autor conta cunha ampla e recoñecida traxectoria literaria centrada de maneira especial na novela aínda que tamén visitou o relato e o conto infantil.
Case vinte títulos compoñen a súa bibliografía que se inicia en 1997 coa obra Biff, Bang, pow! (novela case negra). Títulos como Doutor Deus, O caderno, O mono no espello, A estraña estrela, A vida que nos mata, Trinta e dous dentes, Os libros prestados, Cadeas, Olympia Ring, O home que sabía voar, Os tres desexos ou O segredo da vella librería son algunha das obras da súa traxectoria literaria.