Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e o debuxante Kiko da Silva presentaron en Santiago de Compostela o lanzamento dun novo produto cultural en lingua galega que promove a Mesa e dirixe Kiko da Silva. O produto será unha revista de banda deseñada chamada A viñeta de Schrödinger.
A viñeta de Schrödinger nace para dar voz e visibilidade ás bandas deseñadas breves de autoras galegas e galegos, mais tamén para que o lectorado, tanto adolescente como adulto, poidan ler e descubrir a banda deseñada de calidade que se fai en Galicia.
Kiko da Silva anunciou que son 16 os colaboradores e colaboradoras que farán posíbel sacar unha tiraxe inicial de 1.500 exemplares con 32 páxinas a toda cor, mais que poderían ser até 100 colaboradores e colaboradoras, mostra do talento existente no país e fieis á tradición que se remonta a Castelao, Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado que comezaron facendo BD no noso país.
As autoras e autores serán: Miguelanxo Prado, Fran Bueno Capeáns, Fernando Iglesias, Miguel Robledo, Fernando Llor, Miriam Iglesias ou escritores como Antonio M. Fraga, Miguel Rojo Pablo Prado, Aldara e Joan Casarramona, Zaida Novoa, Afonso Barreiro, Miguel Porto, Víctor Rivas e Kiko da Silva. Tamén haberá entrevistas internacionais que darán comezo coa neiorquina Sarah Andersen.
O nome da revista ten un aquel humorístico, dese que deixa medio sorriso, indicando que tanto a banda deseñada galega, como a lingua e a cultura galega son como o gato de Schrödinger, está aí, estamos seguros de que está, que ten que estar, mais algúns cren que está morta, mentres nós cremos que está máis viva ca nunca.