O Concello de Mondoñedo, en colaboración coa Área de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, convoca o XIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores. Asemade, e con motivo do centenario do pasamento do médico e poeta Manuel Leiras Pulpeiro, convócase o I Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
Ao XIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores Poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio.
O prazo de admisión de orixinais remata o día 2 de xullo do ano 2012 e ten un primeiro premio de 1.500 euros., amais dunha placa e un diploma.
Por outra banda, convócase por vez primeira e coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, o Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Poderá concorrer ó premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG, de tema libre. O prazo de admisión de orixinais remata o día 2 de xullo do 2012 e ten, como primeiro premio, unha dotación de 1.500 euros máis placa conmemorativa e un diploma.